martes, 31 de enero de 2017

A PAZ DEBE LATEXAR

Onte foi o Día Escolar da Non Violencia e da Paz! Un día que non debería ser necesario celebrar... un día que debería ser celebrado todos os días!
Na aula dos monstros verdes estivemos realizando varias actividades ao longo das últimas semanas: investigamos como se di PAZ en outros idiomas, pensamos palabras pacíficas, decoramos pombas, limos contos...
Pero hoxe queremos ensinarvos o mural que fixemos para decorar a sala de usos múltiples da escola:"O NOSO OCÉANO PAZ-ÍFICO"
Primeiro deseñamos unhas botellas personalizadas que enchemos con mensaxes de paz. E na seguinte sesión (aproveitando que tiñamos a axuda da profe Lupe) deixamos as nosas pegadas no Océano Paz-ífico:
 Por parellas, pintamos as mans dos compañeiros e compañeiras.
 E a encher o noso océano de pegadas pola paz!
Pola tarde reunímonos toda a escola na biblioteca para ler as mensaxes de paz dos demais cursos. 
A que nós escollemos foi a que pensou Alex (podedes lela ao final da entrada). Por último, na sala de usos múltiples cantamos, bailamos e creamos mandalas cheos de paz!
A PAZ É COMA O CORAZÓN, NUNCA DEIXA DE LATEXAR! (Alex)

martes, 24 de enero de 2017

PROXECTO DOS SERES VIVOS. PEIXE MANTA RAIA

Este trimestre comezamos a traballar o "Proxecto dos Seres Vivos" e pouco a pouco iremos enchendo a nosa galaxia de fermosos animais e plantas. 
Hoxe queremos ensinarvos un peixe incrible: O PEIXE MANTA RAIA ou Manta Birostris
Este peixe pode alcanzar ata 8 metros de lonxitude e chegar a pesar máis de 130 kg. pero a pesar das súas enormes dimensións son uns animais moi pacíficos. 
Na aula fixemos varias actividades de investigación relacionadas coa manta raia... Unha dela serviunos para coñecer datos fascinantes e outras para coñecer mellor as súas características.
A continuación podedes ver as actividades impresas que fixemos... 

DATOS FASCINANTES
CARACTERÍSTICAS DAS MANTA RAIA
Por último queremos que vexades un vídeo sobre estes animais vertebrados que seguro que vos sorprenderá. Agardamos que vos guste tanto como a nós!

lunes, 23 de enero de 2017

XOGOS EN EQUIPO

Os xogos de mesa son unha maneira eficaz de desenvolver o pensamento lóxico e de fomentar a aprendizaxe cooperativa.
Na aula dos monstros verdes dispoñemos de diferentes xogos: de cartas, crebacabezas, xogos de mesa tradicionais coma "A Oca"e ata algúns relacionados cos proxectos coma o que trouxo Andrea sobre o corpo humano.
 Todos estes xogos dispoñen dun sistema de normas ou regras que debemos respectar e que nos axudarán a conseguir diferentes metas, ben de maneira individual ou colectiva. O respectos das quendas, o traballo en equipo, o interese por descubrir cousas novas ou as conversas negociadoras, son algúns dos beneficios que proporciona realizar este tipo de actividade na escola.
Por último, destacar que os xogos de mesa reforzan os nosos vínculos de amizade e melloran o clima de aula... pasámolo ben e aprendemos xuntos!
E traballando así (xuntos) ata somos quen de rematar o crebacabezas en 3D que trouxo Alberto á clase. Mirade, mirade!

martes, 17 de enero de 2017

O EMOCIONARIO VIAXEIRO CHEGOU ATA O VICEDO!

Hoxe tivemos unha sorpresa na aula dos monstros verdes! Chegou dende Monforte de Lemos o "Emocionario Viaxeiro".
As compañeiras e compañeiros do CEE Infanta Elena fixeron chegar ata o noso cole unha caixiña chea de emocións (ledicia, tristura, medo...) e unha notiña explicando que esperaban que colaborásemos con eles para elaborar un emocionario viaxeiro... e agora temos que continuar nós!
 
Encántanos esta proposta e en canto rematemos o noso traballo, teremos que facer que este emocionario tan especial continúe a súa viaxe!
Moitas gracias por contar con nós! Enviámosvos a todos os alumnos e alumnas do CEE Infanta Elena de Monforte de Lemos un montón de bicos e apertas xigantes!

lunes, 16 de enero de 2017

PROXECTO DO UNIVERSO - OS VOLCÁNS

O trimestre pasado estudamos as capas da Terra, o noso planeta:
A atmosfera, a hidrosfera e a xeosfera. 
Nesta última puidemos investigar sobre uns fenómenos espectaculares: os volcáns e terremotos.
Nesta entrada queremos ensinarvos uns debuxos chulísimos de volcáns. Fixémolos de maneira que se podían ver as súas partes: a cheminea, o cono, o cráter, a lava, gases e cinzas...
Primeiro debuxamos co lapiz e repasamos cun rotulador...
Logo coloreamos con acuarelas!
E por último fixemos os gases e as cinzas empregando algodón e birutas de cores feitas co refugallo que resulta de afiar as ceras de cores.
Agardamos que vos guste!! Ata a próxima monstros verdes!

martes, 10 de enero de 2017

PROXECTO DO UNIVERSO - CHUVIA DE ESTRELAS ORIÓNIDAS

O pasado mes de Outubro tivemos a sorte de presenciar un fenómeno astronómico único: A chuvia de estrelas Oriónidas (que este ano poden observarse sen necesidade de empregar un telescopio)
E como no noso recuncho do proxecto temos moitos libros sobre o universo puxémonos a investigar...
Descubrimos que esta chuvia de estrelas producíase cada ano cando o noso planeta atravesaba a cola do famoso cometa Halley e que tiñan ese nome porque proceden da constelación de Orión.
 No volume "O Universo" da Enciclopedia universal de las Preguntas, Patricia e Alberto atoparon un cadro resumo no que se recollen as chuvias de estrelas, as datas nas que se poden observar e os cometas aos que están asociadas.
Despois de investigar, ver algún vídeo e de recoller a información por escrito, fixemos unha actividade plástica empregando bastonciños de algodón, cartolina negra e témperas brancas e amarelas. Mirade que ben quedan!

domingo, 8 de enero de 2017

NOTICIAS MONSTROSAS

Lembrades a recomendación lectora de Patricia?
Siiii, "O Monstro de Cores" de Anna Llenas.
Pois na aula dos monstros verdes (xa vedes de onde saíu o nome do noso blog) realizamos diversas actividades partindo desta fantástica historia (dentro do Proxecto das Emocións).
Nesta ocasión quixemos traballar as emocións do conto relacionándoas coa prensa. 
Por grupos analizamos varios xornais galegos para atopar novas que nos fixesen sentir medo, rabia, alegría, calma e tristeza. Cando atopábamos algunha, recortábamos o titular e o situábamos na cartolina correspondente... ata que non cabía ningunha máis!
 Unha vez feita a selección pegamos os recortes e debuxamos os monstros para decorar.
 Por último fixemos unha posta en común para falar do que cada grupo escolleu e por que, e chegamos a unha conclusión: nos xornais atopamos moitas máis novas que nos producen tristeza, rabia ou medo que novas que nos producen alegría ou calma... Gustaríanos que algún día isto fose ao revés!
(Texto: Andrea)

jueves, 5 de enero de 2017

TÁBOAS DE MULTIPLICAR

Ola monstros verdes! 
Xa fai case un mes da nosa última entrada e aínda nos quedan moitas cousiñas que amosarvos! Antes de comezar o segundo trimestre queremos que vexades algunhas das actividades que fixemos na aula antes da chegada das vacacións do Nadal... como estas táboas de multiplicar que fixemos logo de realizar un xogo con círculos de cores que nos axudou a entender o proceso da multiplicación.
Aquí vos deixamos algunha foto do proceso:
 Como vedes, tiñamos que ir completando todas as táboas engadindo círculos... e contando! Así era moi sinxelo. Ah! E tamén aprendemos algún truco para memorizar as táboas do 5 e do 9. Ao final, pegamos todas as táboas en cartolinas e encadernámolas. Xa tiñamos os nosos cadernos individuais para empregar na resolución de problemas e para estudar e repasar!
Agardamos que vos gustara esta actividade, seguro que se necesitades memorizar as táboas de multiplicar vos será moi útil!