miércoles, 29 de marzo de 2017

GALLETAS MONSTROSAS!

A semana pasada fixemos unhas saborosas galletas de manteiga... 
A receita era da profe Lupe, así que para comezar, todos copiamos como se facían nas nosas libretas.
Os ingredientes eran moi sinxelos de conseguir pois só necesitamos: Fariña, azucre e manteiga. Pero as cantidades eran para 4 persoas e nós necesitábamos facer galletas para 8 porque ademais de para nós, as galletas eran para os nosos amigos invisibles do CEE Infanta Elena de Monforte de Lemos.
Pois iso, que necesitamos averigar as cantidades necesarias antes de comezar (en realidade foi moi sinxelo porque como necesitamos o dobre do que poñía na receita só tivemos que multiplicar por dous)
Unha vez refixemos a receita coas novas cantidades puxémonos mans á obra... bueno máis ben, mans á masa jijijiji
Primeiro pesamos os ingredientes.
Despois mesturámolos ben...
... ata que a masa estaba no seu punto.
Despois fixemos boliñas , estirámolas e estampamos animais.
Como somos moi larpeiros, á metade da masa engadímoslle cacao! mmmmm
E por último 20 minutiños de forno a 180º ... Mirade que boa pinta! Estaban riquísimas, e saíron tan ben que puidemos levar a proba para a casa!

lunes, 27 de marzo de 2017

EXCURSIÓN A LUGO. 2ª PARTE ("EL PROGRESO" E CASTRO DE VILADONGA")

Aquí tedes a segunda parte da excursión a Lugo: 
A visita ao xornal "El Progreso" (Lugo) e ao Castro de Viladonga no Concello de Castro de Rei.
Mirade un resumo en imaxes:
Cando saímos do Parque de bombeiros e logo de tomar unha pequena merenda, dirixímosnos ao Polígono de O Ceao, onde están as instalacións de montaxe do xornal "El Progreso".
Na entrada había unha sala de exposicións onde vimos uns vídeos e coñecemos moitos detalles sobre a historia de este xornal... sabiades que o primeiro número publicouse no ano 1908? E que en aquel momento só tiña unha portada, unha contraportada e dúas páxinas interiores? Pois si, e ademais na contraportada había un anuncio publicitario posto ao revés para chamar a atención!
 Despois de ver a exposición de xornais de 1908, pasamos a ver os almacéns de papel e as salas de máquinas, que aínda que estaban apagadas eran impresionantes (para poder velas funcionando teríamos que vir de noite que é cando se imprimen os xornais do día seguinte).
 E despois desta interesante visita, comemos á beira do Río Miño, no paseo fluvial! Fixo un día soleado e puidemos gozar da natureza antes de volver ao autobús e dirixirnos a Castro de Rei.
 E xa por último, visitamos o Castro de Viladonga! Onde puidemos visitar o castro e o museo...
 Se queredes coñecer mellor este fermoso xacemento arqueolóxico premede AQUÍ

martes, 21 de marzo de 2017

EXCURSIÓN A LUGO. 1ª PARTE (PARQUE DE BOMBEIROS DE LUGO)

Xa fai unha semana da nosa última entrada no blog... e que estivemos moi atarefados! Pero non vos impacientedes porque longo desta semana iremos subindo pouco a pouco un montón de novidades. 
Para empezar, aquí tedes a primeira parte da nosa excursión a Lugo!
O día comezou máis cedo do habitual, ás 9:00 horas saímos dende O Vicedo cara Lugo, onde tiñamos previstas varias visitas moi pero que moi interesantes.
A primeira parada foi no Parque de Bombeiros de Lugo...
No parque puidemos ver como é un camión de bombeiros, como é o traxe especial para apagar o lume, como son as instalacións onde traballan... mirade, mirade!
 Comeza a visita ao Parque de Bombeiros (Garabolos, Lugo)
 Coidado, que nos mollamos! jajaja 
Cantas cousas levan no camión de bombeiros. A parte das mangueiras e das ferramentas necesarias para realizar rescates, é moi importante non esquecer as botellas de aire!
... pero o mellor de todo foi cando nos deixaron usar unha mangueira! 
Pasámolo xenial :)
Pronto poderedes ver a segunda parte da excursión (Visita ao Xornal "El Progreso" e ao Castro de Viladonga)

lunes, 13 de marzo de 2017

ENTREGA DE PREMIOS NO SALÓN DO AUTOMÓBIL DE LUGO

O venres pasado estivemos nun evento moi especial!!! A entrega de premios do concurso de debuxo "¿Cómo te gustaría que fuese el coche de tus papás?" 
A nosa compañeira Patricia resultou a gañadora do concurso e ademais de converterse na imaxe so Salón do Automóbil deste ano tamén recibiu material escolar por valor de 300€...
Patricia recibiu os agasallos de mans dos directores xerentes  de Carrefur Lugo e do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo... mirade que contenta estaba!!!
E na seguinte foto, sae coa súa familia e con Vero!
 Foi unha tarde moi especial, todos os monstros verdes estamos moi contentos por Patricia, noraboa compi!
Cartel promocional do salón do Automóbil de Lugo, onde se pode ver o debuxo gañador realizado por Patricia!
E aquí podedes ver a "entrada" sobre a entrega de premios publicada nas redes sociais do Salón!

jueves, 9 de marzo de 2017

SAÍDA AO CENTRO DE FORMACIÓN PARA O CONSUMO DE VEGADEO

O pasado martes fixemos a primeira saída do curso... que gañas tiñamos :)
A excursión foi a Vegadeo onde visitamos o 
CFC (Centro de Formación para o consumo)... alí realizamos dous obradoiros moi interesantes, e como fixo moi bo tempo aproveitamos para xantar nun parque chulísimo que había xusto ao ladiño.
Como fixemos moitas fotos, que mellor maneira que esa para que vexades o ben que o pasamos, e o moito que aprendemos:
 Chegada ao centro. Exposición e información sobre a roda dos alimentos.
 Comezamos co obradoiro de Alimentación saudable: Elaboración dunha ensalada. O primeiro paso foi elaborar a lista da compra (sen esquecer que temos que engadir á nosa ensalada alimentos enerxéticos, reguladores e construtores)
Coa lista feita, o seguinte paso era ir a mercar ao supermercado. Debíamos adquirir todos os alimentos necesarios para elaborar o noso prato, pero tendo en conta algo importante... os cartos que temos para facer a compra! 
 Por último xa só queda, elaborar a ensalada...  
 ... e comela!
Pero non pensedes ca ensalada foi suficiente para xantar! Cando rematamos de recoller todo, saímos ao parque e a comer! Por certo, mirade que margarida atopou Patrick... É espectacular, parece como se fosen tres margaridas nunha, e por riba o talo era como aplastado! 
Despois de xantar volvimos ao centro a realizar o obradoiro de "BasuArte"... foi moi divertido e ademais axudounos a repasar como separar correctamente os desfeitos para poder reciclarse. 
Lembrade ca clave está nas tres R (Reducir, Reutilizar e Reciclar). 
Pois isto foi todo... a próxima semana máis! (mirade que cadros máis orixinais fixemos con material de refugallo)

jueves, 2 de marzo de 2017

OS ANIMAIS VERTEBRADOS

Logo de investigar sobre os animais vertebrados, na aula dos monstros verdes realizamos unha presentación na que se poden ver as características de cada grupo e unhas imaxes chulísimas.
O vídeo está montado partindo de varios PDF que elaboramos en grupos, agardamos que vos guste!