jueves, 27 de abril de 2017

PLANTAMOS OUREGO E ENELDO

Xa estamos no último trimestre do curso, e un dos proxectos que desenvolveremos é "Os Seres Vivos: As Plantas". Para comezar, estamos realizando un sinxelo caderno de campo onde investigamos sobre as partes das plantas, tipos de follas segundo o bordo e a forma, árbores asombrosas...
E a semana pasada, coa axuda da profe Lupe, plantamos ourego e eneldo, dúas plantas aromáticas que serven, entre outras cousas, como condimento para a elaboración de diferentes receitas.
Aquí vos deixamos un resumo en imaxes de como fixemos.
 Primeiro preparamos a terra, engadindo substrato universal enriquecido con abonos naturais...
É importante remexer ben para co bioestimulante faga a súa función.
 E agora xa podemos plantar as nosas aromáticas seguindo as recomendacións que veñen no paquetiño... para o eneldo, a profundidade debe ser duns 3 centímetros.
 Por último, tapamos ben as sementes e engadimos auga... agora xa só queda agardar a que nazan as plantiñas. 
Seguiremos informándovos da progresión do seu crecemento... a ver se temos sorte e nacen todas as sementes! :)

miércoles, 26 de abril de 2017

FLORES E MÁIS FLORES

Hoxe queremos ensinarvos unha manualidade moi sinxeliña pero ao mesmo tempo moi pero que moi chuli... unhas coloridas flores que empregamos para decorar a portada dos traballos do segundo trimestre.
O material que precisamos tamén é moi fácil de conseguir, só precisades cartolinas de cores, tesoiras, pegamento e rotuladores.
 Primeiro temos que recortar círculos de diferentes tamaños e cores (non vos preocupedes se non vos saen perfectos, desa maneira quedará máis natural)
... eses círculos pegarémolos como vedes nas fotos e para rematar só tedes que completalas con pétalos feitos cos rotuladores de cores. 
 Non hai moito máis que facer, todo está na imaxinación e creatividade de cada un... probade, seguro que vos quedarán xenial!!
Aquí vos deixamos un enlace da páxina de KROKOTAK e do vídeo no que se explica paso a paso como facelas!

martes, 18 de abril de 2017

O AMIEIRO "AMIZADE"

Despois duns días de descanso, a galaxia dos monstros verdes volve ao traballo... Pero como aínda nos quedaron temas pendentes, a entrada de hoxe vai adicada á nosa árbore "Amizade".

O pasado 21 de marzo celebramos o Día Internacional dos bosques plantando no patio da escola, un amieiro. E coma sempre, antes de xuntarnos todo o cole, na aula realizamos varias actividades para coñecer algo máis sobre esta árbore que crece nas ribeiras galegas.
Como son as súas follas, o seu tronco, en que outros lugares do mundo crecen os amieiros ou ameneiros, refráns e lendas populares... 
Pero a actividade principal realizámola todos xuntos: plantar un amieiro e poñerlle nome (para o que cada clase decidiu un... a nós gustábanos "Nube"). 
Unha vez rematada a plantación fíxose un sorteo con todos os nomes e saíu "Amizade" o nome proposto polas nenas e nenos de infantil. 
Agardamos que Amizade creza feliz, para nós xa é un monstro verde máis!

jueves, 6 de abril de 2017

OS NOSOS ATRAPASOÑOS

Na aula dos monstros verdes tivemos unha curiosidade... que é un atrapasoños? 
E como non nos gusta quedar con dúbidas sobre ningún tema, decidimos investigar sobre estes fermosos amuletos.
Para comezar, fixemos unha actividade impresa onde se explicaba a súa orixe, e a lenda nativa americana que fala deles... e aproveitando que estivemos traballando o xénero literario "A Poesía",  na ficha escribimos un poema e reservamos un espazo para ilustrar un atrapasoños.
Agora xa sabíamos o que era un atrapasoño, e para que se empregaba orixinariamente... así que nos puxemos a elaborar uns moi especiais, empregando pratos de cartón decorados, la e cordóns de diferentes cores, plumas e pompóns...  
Quedaron xenial e seguro que agora ningún pesadelo se achegará ata os nosos soños...
Animádevos a facer os vosos atrapasoños, se vos fixades nas fotos veredes que é facilísimo!! Agardamos que vos gusten :)

miércoles, 5 de abril de 2017

DESCRIPCIÓN DE PAISAXES

Hoxe queremos ensinarvos unha actividade que realizamos durante o trimestre pasado: A DESCRICIÓN DE PAISAXES. Trátase dunha actividade de escritura creativa que realizamos tendo en conta os esquemas e fichas descargables que aparecen no blog "Lapicero Mágico" (Preme AQUÍ para acceder ao espazo)
A actividade fixémola en varias sesións e ao final puxemos todas as descricións nun mural chulísimo que temos na aula).
Mirade algunha foto (por certo, nas imaxes, a da esquerda son fotografías feitas polos propios membros dos equipos).
Paisaxe de costa: Alberto e Patrick.
Paisaxe de montaña: Patricia e Ana.
Paisaxe fluvial: Carla e Ian
Paisaxe natural (árbore solitaria): Lorena, Andrea e Carla.