lunes, 19 de diciembre de 2016

SORPRESA DOS MONSTROS VERDES!

A entrada de hoxe está adicada aos monstros verdes máis amarelos que coñezo!
Son Vero, a mestra titora da aula de terceiro e cuarto, e a semana pasada recibín unha fermosa sorpresa dos meus alumnos e alumnas: UNHA FESTA DE ANIVERSARIO!
Agasallos feitos con cariño, unha tarxeta asinada por todos, palabras agarimosas e un montón de bicos e apertas!!! 
Pasámolo xenial e compartimos uns momentos cheos de amizade (... xa parecíamos monstros rosas jijijiji). Quero darvos as gracias e desexarvos a todos moita felicidade, seguide sendo así de especiais e marabillosos!
Biquiños monstros verdes!

martes, 13 de diciembre de 2016

HOXE RECOMENDAMOS: O MONSTRO DE CORES

Monstros verdes ou monstros de cores?
Hoxe queremos recomendarvos un libro moi especial...  un libro que nos axuda a entender as nosas emocións: 
O MONSTRO DE CORES da escritora e ilustradora Anna Llenas.
Na nosa aula non só o lemos senón que tamén o empregamos para realizar moitísimas actividades relacionadas co proxecto das emocións (non sexades impacientes, xa iredes vendo algunhas desas actividades jijiji)
Polo de agora, deixámosvos esta recomendación lectora aproveitando que xa están pretiño as vacacións de Nadal, e tamén vos deixamos a canción en galego para que non perdades o ritmo!
Ata a próxima monstros verdes! (Texto: Patricia)

viernes, 9 de diciembre de 2016

MOITAS GRACIAS Á LIBRERÍA TRAMA!

Ola monstros verdes! A de hoxe é unha entrada especial... queremos darlle as gracias á Librería Trama de Lugo, que nos fixo un montón de agasallos chulísimos para decorar e organizar a nosa clase nova. 
Mirade!!! a nosa biblioteca de aula quedou xenial cos expositores e pósters que nos regalaron!
Mandámosvos moitos biquiños dende O Vicedo! E dámosvos a benvida á nosa galaxia, para nós xa formades parte desta familia de monstros verdes :)

jueves, 8 de diciembre de 2016

PROXECTO DO UNIVERSO - A CANCIÓN DOS PLANETAS

Monstros verdes! Hoxe queremos que vexades algunhas das cousiñas que temos no noso recuncho do proxecto... Nesta ocasión materiais que trouxemos das nosas casas: Libros, fichas, folletos, un planetario... Agora mesmo temos moito máis, coma un crebacabezas en 3D, un lapbook do espazo, contos, mapas, pósters...  nestas fotos podedes ver só algún exemplo:
Estes materiais podemos consultalos na biblioteca de aula, e usalos para facer pequenas investigacións, pero ademais se empregan para realizar actividades de matemáticas, linguas, plástica...
E como nos encanta este proxecto, vemos estrelas e planetas por todas partes... dende o "ceo" da nosa aula, ata o chan do patio :)
Xa por último, aquí tedes o enlace dunha canción moi bonita que Vero escoitaba cando era pequena. É unha canción que nos encanta, pero estade atentos porque ten un erro! Descubrídeo, vaivos a encantar! (Texto: Carla S.)

lunes, 5 de diciembre de 2016

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

O pasado sábado, 3 de Decembro celebrouse o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, e na aula participamos nunha iniciativa moi pero que moi especial: 
Un vídeo compartido con outros moitos coles!!!
Aquí podedes ver o resultado final!!
ANTE A DESIGUALDADE DE OPORTUNIDADES NON TE CONXELES, ACTÚA!
Queremos darlle as gracias aos compis do CEE Infanta Elena de Monforte de Lemos por iniciar esta fermosa actividade, e por convidarnos a formar parte de ela...
Os monstros verdes mandámosvos moitos bicos e apertas a todos os alumnos e alumnas do CEE Infanta Elena e outro moi especial a Mila e a Alba por pensar actividades tan bonitas! 

MONTAMOS UNHA MESA PARA A AULA

A nosa aula é un espazo especial para nós. Nela pasamos moitas horas ao día e nos gusta que todo estea ben ordenado e en espazos decorados por nós. Nesta ocasión queremos ensinarvos como montamos unha mesa para poder expoñer todos os materiais que traemos e facemos do proxecto do Universo. O primeiro e máis importante e ler as instrucións e ter moi en conta os consellos de seguridade. 
Despois, de ver que materiais e ferramentas necesitamos para montala é o momento de resolver dúbidas como... cara onde temos que xirar os parafusos para que se enrosquen ... E que mellor forma de sabelo que comprobalo cos propios parafusos?. 
Agora xa estamos preparados para montar o mesa... ACCIÓN!
Mirade que ben nos quedou!
Pero... aquí non acaba o noso traballo. Agora temos que facer a ficha técnica do moble: anotar o seu nome, todas as súas características, pezas, número de referencia, dimensións...
Pasade un bo fin de semana! Ata a próxima monstros verdes.

jueves, 1 de diciembre de 2016

O XOGO DA CLASIFICACIÓN DE PALABRAS

Ola monstros verdes! Hoxe queremos ensinarvos un xogo por equipos para traballar a clasificación de palabras segundo a súa sílaba tónica, é dicir, en "agudas, llanas e esdrúxulas". E como se xoga? Pois moi fácil!.
En primeiro lugar formamos tres equipos: "O Equipo das Agudas, o das LLanas e o das Esdrúxulas".
Cada equipo tiñamos que escribir: 10 palabras agudas, llanas ou esdrúxulas dependendo do equipo no que estabamos e escribir as que escollemos en papeliños individuais. 
Cando rematamos todos, Vero recolleu os papeis e repartiunos mesturados ente os equipos. E a xogar!
Entre os membros do equipo tiñamos que decidir que clase de palabra era, de unha en unha. Un encargado de cada vez colocaba esa palabra no lugar correspondente ata colocalas todas, e...
Xa está? Nooooon, temos que comprobar se están todas colocadas no seu lugar, así que nos xuntamos todos e a pensar!
Como vedes na imaxe, tivemos que facer algún cambio, pero ao final conseguimos ordenar todas as palabras e elaborar os carteis! :)

miércoles, 30 de noviembre de 2016

PROXECTO DO UNIVERSO: AS AURORAS POLARES

Como xa sabedes estamos traballando o proxecto do Universo... e fai unhas semanas descubrimos uns fenómenos impresionantes, as Auroras Polares!
Investigamos, vimos fotos e vídeos e agora xa podemos explicarvos o que son:
As Auroras Polares son fenómenos luminescentes que se ven nos Polos pola noite e que están producidos pola radiación solar. Se temos en conta en que zona do planeta se producen, as Auroras Polares poden ser:
- Auroras Boreais: cando se producen no Hemisferio Norte.
- Auroras Austrais: cando se producen no Hemisferio Sur.
Aquí podedes ver un vídeo fermosísimo dunha Aurora Boreal vista dende Noruega no ano 2012.
E como nos gustaron tanto fixemos as nosas propias Auroras Polares empregando acuarelas e cartolina negra... mirade que bonitas! (Texto: Alex)

martes, 29 de noviembre de 2016

MONSTROS VERDES, MANS LILAS

O pasado venres, 25 de Novembro, foi o "Día Internacional Contra a Violencia de Xénero", e na aula fixemos varias actividades! Para comezar fixemos unha conversa dirixida sobre as clases de violencia que existen (física, psicolóxica, social...) e  vimos a curtametraxe "Maltrato Sutil" da que fixemos unha posta en común que quedou recollida nunha actividade impresa.
Na aula de informática realizamos unha pequena investigación en internet e pintamos con acuarela unha man lila...
 Por último fixemos uns móbiles coas nosas mans, que ademais de decorar a aula, nos lembrarán durante todo o curso a importancia da NON VIOLENCIA!
... Os monstros verdes sempre teremos as mans lilas!!!

lunes, 28 de noviembre de 2016

ESTAMPADO DE FOLLAS PARTE 2

Ola monstros verdes! Aquí está a segunda parte da entrada "Estampado de follas". Hoxe dirémosvos como empregamos os materiais naturais para facer composicións artísticas. Recordades que recollemos follas de diferentes tamaños e formas e ramiñas que atopamos no chan? pois agora mirade como facemos... 
Primeiro escollemos as follas que queremos usar e as pintamos co pincel e as témperas. Nós empregamos as cores do outono (amarelo, laranxa, marrón..). Unha vez que temos a folla pintada, poñémola na cartolina coa pintura para abaixo claro!, prememos coa man e quitamos a folla moi amodiño. Así, como na foto! Vedes que ben queda! 
Pois agora podedes repetilo todas as veces que queirades empregando follas grandes, pequenas, dentadas, alongadas... e para rematar, empregamos as ramiñas para facer un chan que converta as nosas follas estampadas nun bosque fermosísimo! Agardamos que vos guste e que probedes esta técnica tan divertida!

jueves, 24 de noviembre de 2016

ESTAMPADO DE FOLLAS - PARTE 1

Ola monstros verdes! Hoxe queremos ensinarvos unha maneira de disfrutar do outono e de empregar materiais naturais para realizar obras de arte. Fai unhas semanas saímos ao patio para facer unha busca de tesouros por equipos. 
O primeiro que fixemos os membros dos equipos foi anotar as instrucións para saber que era o que tiñamos que conseguir: follas de cores e formas diferentes, ramiñas pequenas... todo recollido do chan. Logo baixamos ao patio cunha caixiña para gardar os materiais, e comezamos a busca. 
Non foi moi difícil encontrar todo o que necesitabamos, o vento fixo que o chan estivese repletiño de follas... mirade o resultado:
Pero... isto non foi todo, o contacto coa natureza só foi o primeiro paso da nosa experiencia artística. Pero para seguir vendo o noso traballo tedes que agardar ata a próxima entrada. Apertas galácticas para todos e todas! :)

martes, 22 de noviembre de 2016

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DAS NENAS E DOS NENOS

O pasado 20 de Novembro celebrouse o Día Internacional dos Dereitos da Infancia e na aula dos monstros verdes celebrámolo realizando unha actividade audiovisual. 
Por grupos buscamos información na rede sobre os nosos dereitos... información que empregamos para facer presentacións en powerpoint.
Aquí podedes ver a presentación de Ian, Alberto e Patricia!
Agardamos que vos guste! :)



lunes, 21 de noviembre de 2016

CELEBRAMOS O MAGOSTO!!!

O pasado venres celebramos a festa do Magosto no cole!!! E para acudir a un evento tan larpeiro preparamos uns cucuruchos de cores que nos serviron para recoller as castañas asadas. Mirade, mirade!!
Pero no Magosto non só se comen castañas ata fartar... tamén xogamos, cantamos, e compartimos momentos divertidos!
Para empezar, no pavillón había preparados varios xogos como o comecastañas, a bomba, carreiras de culleres e castañas... pasámolo xenial! 
Logo cantamos xuntos unha canción que preparamos co mestre Henrique e por último... degustamos as riquísimas castañas que repartiron uns axudantes moi especiais, as compañeiras e compañeiros de 6º
Aquí vos deixamos algunha imaxe deste día tan especial. 
Ata a próxima monstros verdes!

viernes, 18 de noviembre de 2016

A NOSA AULA... DECORADA!

A principio de curso quixemos converter a nosa aula nun lugar bonito e agradable, así que puxémonos mans á obra e comezamos a organizar e decorar.
Unha das cousas que máis nos gustou foi facer pompóns de papel de seda, pero tamén fixemos moitas outras cousas como banderiñas de cores, retratos, e reutilizamos caixas de zapatos para gardar materiais de plástica. 
Agora a nosa aula está ordenada e é moi acolledora... aquí podedes ver algunha foto de como estaba fai un mes... agora xa ten moitas máis cousas!!
Unha aperta e ata a próxima monstros verdes! (Texto: Iván)

miércoles, 16 de noviembre de 2016

PARABÉNS PATRICIA!

Onte tivemos unha moi boa nova... o debuxo ca nosa compañeira Patricia presentou ao Concurso "El año de las Legumbres" foi escollido como un dos 15 finalistas na categoría de 8-9 anos!
O vindeiro venres en Pontevedra Patricia poderá saber si finalmente é unha das premiadas, pero para nós xa é unha auténtica gañadora! 
Parabéns Patricia :)

martes, 15 de noviembre de 2016

RECOMENDAMOS: "LA NOCHE DE LAS ZANAHORIAS VIVIENTES"

Ola monstros verdes! 
Hoxe queremos recomendarvos unha curtametraxe que vimos no Samaín e que nos fixo moita gracia: "La noche de las zanahorias vivientes"
É unha curta de monstros vs aliens onde saen personaxes como Bob, o Doutor "Cucaracha"ou o Xeneral Warren... 
Se queredes pasar un bo rato, premede no vídeo! (Texto: Patrick)


lunes, 14 de noviembre de 2016

PROXECTO DO UNIVERSO: SUPER LÚA - 14.11.2016

Que tal estades monstros verdes!  
Este trimestre estamos traballando varios proxectos na nosa aula, e un deles é sobre o Universo! Xa vos iremos amosando varias actividades que fixemos, pero... agora temos unha información importante que contarvos:
Sabiades que hoxe, 14 de Novembro, podedes ver unha Superlúa? Pois así é! 
E ademais será a Superlúa máis espectacular e grande dende fai case 70 anos! 
En Galicia non será fácil de ver porque o momento exacto no que o noso astro se verá máis grande e brillante serán as 14:52 horas (e a esa hora... xa é día, claro!). 
Pero aínda así, a noite pasada xa tiña un aspecto impresionante. Mirade!
 
 (Superlúa no ceo de Santiago de Compostela. Foto: Lavandeira Jr. EFE) 
Esta noite poderedes gozar de novo dunha Lúa espectacular, pero xa non será tan grande e brillante pois xa estará máis lonxe da Terra ). Se premedes AQUÍ podedes ver máis información sobre este fenómeno! E AQUÍ podedes ver un video. 
(Texto: Patricia)


viernes, 11 de noviembre de 2016

MANUALIDADES DO SAMAÍN

Ola monstros verdes! seguimos contándovos cousiñas do Samaín... e que esta festa dá para moito! :)
Hoxe queremos falarvos doutra manualidade terrorífica, mirade, mirade!
Os materiais son moi fáciles de conseguir, só precisades rollos de papel hixiénico (só o cartonciño de dentro), pinceis, témperas, tesoiras e cartulina para facer algúns complementos coma as ás dos morcegos ou colas de gatos negros.
Para realizar esta manualidade só tedes que empregar a vosa imaxinación e crear monstros ou animais arrepiantes. Pero tamén vos podedes inspirar vendo imaxes doutros blogs coma fixemos nós.
Se pinchades AQUÍ podedes ver moitas ideas que nos recomenda "ELBLOGVERDE.COM"
 Moitos bicos e pasade un bo fin de semana! (Texto: Lorena)
E aquí estamos na aula coas arañas e arañeiras!!




jueves, 10 de noviembre de 2016

AS NOSAS QUERIDAS GAÑADORAS!

Lembrades a entrada da carta de Libriñas? Si! aquela na que explicábamos como fixemos uns relatos arrepiantes para concurso de Samaín... Pois xa temos as gañadoras de terceiro e de cuarto! 
 Parabéns Lorena e Andrea!! 
... O Samaín foi un día moi especial, celebrouse unha entrega de premios na biblioteca, onde se viron as  ilustracións e leron os relatos premiados (cada curso tiña un gañador ou gañadora: Infantil, 1º de Primaria, 2º de Primaria, e a nosa quenda! De terceiro gañou a nosa compañeira Lorena e de cuarto Andrea!)... Os agasallos foron uns adhesivos de monstros, unha palliña esqueleto e unha cinta decorativa cun montón de cabazas.
Na foto anterior, sae Patricia lendo o relato de Andrea que ese día non puido vir ao cole, e tamén Lorena e Vero no momento da entrega de premios. 
Pasámolo moi ben, aínda que os relatos deixáronnos a pel de galiña jijiji
Ata a próxima monstros verdes! (Texto: Ana)

miércoles, 9 de noviembre de 2016

TÁBOAS PARA DESCOMPOÑER NÚMEROS

Ola monstros verdes! Hoxe queremos facer unha paréntese e lembrar unha actividade que realizamos a principios do pasado mes de outubro.
Trátase dunha sinxela táboa matemática que nos axudou a traballar a descomposición de números.
Para facela só precisades unha cartolina branca, rotuladores de cores, un sobre e unha regra. E se vos fixades nas fotos, pensamos que non precisaredes ningunha explicación para facer a vosa propia táboa.
 Só un truco, necesitades ter números suficientes recortados para poder colocar calquera número aínda que nel se repita sempre a mesma cifra. 
Por exemplo: Se a vosa táboa ten ata as unidades de millón necesitaredes facer 7 números 0, 7 números 1, 7 números 2... porque podedes ter que colocar  números como 8.888.888 no que só hai oitos (como vedes precisades ter 7 cartolinas co número 8).
Agardamos que vos animedes a facer unha táboa como a nosa, seguro que vos será moi útil.

martes, 8 de noviembre de 2016

MOITO SAMAÍN!

Hoxe queremos amosarvos unha das cousas que fixemos para festexar o Samaín... 
Na entrada anterior puidestes ver como elaboramos unhas arañas e arañeiras para caracterizarnos e agora queremos ensinarvos algunhas das cabazas mariñas que fixemos para decorar a sala de usos múltiples da nosa escola.
 
 A que meten medo! :) Agardamos que vos gustaran...
E para rematar recomendamos unha canción que nos encanta porque é arrepiante e divertida ao mesmo tempo:

"NO SAMAÍN" recollida no Libro-CD-DVD de BRINCA VAI! de Paco Nogueiras.

domingo, 6 de noviembre de 2016

ARAÑAS E ARAÑEIRAS

Ola monstros verdes!
Vouvos a explicar como se fan unhas arañas arrepiantes que nos serviron para caracterizarnos na festa do Samaín!
Material: la negra, cartolina branca e negra, limpapipas de cores, un sacaburatos e cola ou silicona.
Como se fai? Primeiro terás que facer un círculo grande de cartolina branca para facer a arañeira, e facerlle uns buratiños para meter a la (que sexan pequeniños por favor). A continuación terás que ir tecendo ao teu gusto seguindo a orde de buratiños que ti elixas. Pero tes que fixarte porque deberás deixar un pedaciño de la colgando para poñer a araña.
Para facer a araña, empregas a cartolina negra. Fas dous círculos iguais, os recortas e debuxas a cara da araña nas dúas partes. Finalmente tes que cortar un limpapipas en 8 pedazos máis ou menos iguais (a cor... a que ti prefiras) para poñerlle as patas da araña.
Se o queres empregar de colgante, coma fixemos nós, con un pouquiño de la, átalo á medida tendo en conta que ten que entrar e saír pola túa cabeza... e listo!
Esperamos que vos gustara a idea e que para o ano que ven provedes a facer arañas e arañeiras tan chulis como as nosas.
Ata a próxima monstros verdes!
(Texto: Ana)

miércoles, 26 de octubre de 2016

CARTA DE LIBRIÑAS...

A semana pasada recibimos unha carta de Libriñas, a mascota da biblio, invitándonos a visitala e a empregar o sistema de préstamo durante os tempos de lecer dos martes e venres.
Pero non só nos informaba do horario da biblio senón que tamén nos lembraba que xa estaba pretiño o Samaín e que podíamos participar nunha actividade creativa na que tiñamos que poñer a funcionar o noso maxín: Un Concurso de Relatos Arrepiantes... así que puxémonos mans á obra.

Primeiro comezamos un pequeno obradoiro de escritura na clase: escollemos personaxes tenebrosas, lugares para ambientar os relatos, aventuras e problemas que sucederán na historia... e comezamos a escribir un borrador.
Ese borrador foise convertendo pouco a pouco nun relato ben estruturado, cun inicio, un nó e un desenlace. 
E para facilitar a presentación final nos modelos para o concurso, pasamos a ordenador a historia final.
O resultado... para iso teredes que agardar porque non podemos contar nada ata o vindeiro venres.
Ata a próxima monstros verdes! :)